Coordenadora de Ensino

AULAS PARA NON ESQUECER

índice

Xustificación

PROPOSTA

obradoiros

adhesións

imaxes

textos

Prensa

Mani 16N 2003

AREANEGRA NA MANIFESTACIÓN DE NUNCA MÁIS EN COMPOSTELA O 16 DE NOVEMBRO DE 2003

Clica no que queiras:

A lectura de textos no palco de Nunca Máis

Fotografías de Areanegra na manifestación do 16 N

 

 

Hai case un ano ao carón da areanegra case 50.000 mozas e mozos formaron unha cadea humana entre Laxe e Muxia. Non coñecemos aínda todos os efectos secundários desta marea negra. Mais moita xente cremos que un dos efectos secundários da cadea humana é a Liberdade.

 

E agora, tecendo un fio de liberdade entre o interior do país e a beiramar, nunha rede de futuro... As alumnas e alumnos dos centros educativos galegos escriben e falan para tod@s nós. Elas e eles teñen a palabra.

 

Gracias a tódolos centros educativos que participades nesta experiencia e, sobre todo, gracias a toda a xente nova que se parou a pensar, a escribir, a ler, e a expresar o seu Nunca Máis. Foron Celtia e Cecilia as que puxeron a voz da mocidade no palco de Nunca Máis o día 16 de novembro, pero puideron ser tamén María, Pedro, Xoana, Iago, Ana, ... Areanegra espera que a vosa voz, a do alumnado galego, se vira representada.

 

 

 

Celtia Sar Rañó, 6º de primaria, CEIP Os Muíños, Muxía.

Todas somos afectadas, todos sufrimos a marea e aínda que as nosas familias non teñan traballos relacionados co mar, aínda que non sexamos mariscadoras ou mariñeiros, amamos tanto ou máis o mar que persoas con eses traballos.

Sei, que non toda, pero algunha xente á que lle deron axudas saía da casa dicindo que xa podían vir vinte Prestige máis que non lles importaría. Pero a nós si que nos importa por iso nos unimos ó berro de "NUNCA MÁIS" para que isto non volva pasar.

Para non vivir co medo de volver a ver as nosas costas cheas de fuel, por iso estamos hoxe aquí, para poñer fin a esta inxustiza;

Para berrar en nome do mar e das rochas que non tiveron culpa de nada.

Para berrar en nome dos delfíns e peixes que como os nosos antergos tiveron que emigrar a augas máis limpas.

Para berrar en nome de todos os animais mariños, ós que defendemos porque aínda que non queiramos forman parte de nós, pois eles tamén son habitantes da nosa patria, eles coma nós dan gracias o voluntariado que nos axudou.

Na nosa educación entra moito este tema, por iso cando imos á escola dinnos que a dignidade vale máis que todos os millóns do mundo, que rectificar e pedir perdón cando nos equivocamos é o que nos fai persoas.

Como di unha profecía india:

"só despois de que a derradeira árbore sexa cortada,

só despois de que o derradeiro río sexa envelenado,

só despois de que o derradeiro peixe sexa apreixado.

Só entón saberás que o diñeiro non se pode comer"

E pregúntolle ós políticos "¿E nós qué? Se eu quero ser mariscadora ¿poderei? ¿terei algo que mariscar? Para que isto poida ser realidade, hoxe

berremos ¡NUNCA MÁIS!

 

 

Cecilia Touceda Rey. 1°Bach. IES Aquis Celenis. Caldas de Reis.

Xa pasou un ano...un ano no que xa comezamos a esquecer pero...¿quen pode ser capaz?, no pensamento pode ser pero...no interior, dentro da nosa alma... imposible.

Eu denominaría este longo ano como o do meu despertar, non só meu senón de todas as conciencias da mocidade galega, ¿quen non sentiu impotencia, rabia, dor ó ver cómo o prestixio duns poucos partía en dous e desprendía a negra mancha, o loito dos mariñeiros, das mariscadoras, das redeiras...?

Xa pasou un ano...un ano do meu nacer, eses días estaba eu de aniversario e esperaba un bonito agasallo, alegría, paz... pero en cambio esto foi o que recibín, ¿tan mal me portei?, ¿e as xentes do mar?

Dise que de súpeto non se pode madurar ¡Pero que pasa! Eu si que o sentín neses días, do 14 ó 19 deime de conta da miña cegueira, vendo nos medios unha noticia que nun principio non cría. Parecía de ciencia ficción. Abrín os ollos de par en par e descubrín o mundo sen esa fantasía coa que eu vivía, descubrín a verdadeira realidade, a realidade na que non me gusta vivir.

Xa pasou un ano... un ano longo e esvaradizo do que xa nos esquecemos, pero o espírito do Prestige segue aí, tan presente coma antes, ¿por que os medios non informan? ¿por que xa pasou a noticia espectáculo que todos buscaban?, ¿por que teñen medo de mancharse? ¿Hai unha man negra que os ameaza? ¿ou intereses?; ¿e a liberdade de expresión?

Xa pasou un ano... e os culpables están aí, tan contentos e irresponsables coma no momento do Prestige, a guerra do Irak ou o día da súa elección...

¡Como o podemos consentir! É así, durante toda a historia os que tiñan o poder foron os crueis... Uns cazan animais, a outros todo lles parece ben e os que deben responder calan coma cans... quizais por vergoña da súa incompetencia, dos erros cometidos e un longo etcétera.

Xa pasou un ano... e aquí estamos as persoas que na costa galega, na Costa da Morte unimos as nosas mans observando cómo as ondas batían sobre as rochas formando a escuma branca dunha marea humana que intentaba combater o vulto negro que do mar profundo viña.

Xa pasou un ano... e coma hoxe dentro de 365 días temos que nos volver reunir, porque o problema do .maldito barco. para sempre estará aquí, nin anos, nin séculos, para sempre quedará na historia de Galiza unha mancha imborrable.

E, xa pasou un ano... Que o escoiten todos e todas:

 

O PROBLEMA SEGUE AÍ, E E POR ISO QUE ESTAMOS AQUÍ, PARA QUE ¡NUNCA MÁIS! VOLVA OCORRER.

¡NUNCA MÁIS! 

 

Esta páxina segue aberta á recopilación de textos dos nosos alumnos e alumnas, porque "Aulas para non esquecer" é un proxecto a longo prazo, que non remata nun cabodano. Como ben nos dixo Cecilia o día 16 en Santiago, "porque o problema do maldito barco para sempre estará aquí, nin anos, nin séculos, para sempre quedará na historia de Galiza unha mancha imborrable.

 

¡NON ESQUEZAMOS!

 

Porque somos a xerazón do Prestige,

e sabemos que as cousas nunca serán igual...

NUNCA MÁIS!

_________

area negra

 

subir


Volver á sección "Aulas para non esquecer"

  Volver á páxina principal
 


páxina feita pola Coordenadora de ensino AreaNegra correo@areanegra.net, aloxada en Dinahosting
para cuestións técnicas: webmistress@areanegra.net