UNHA CADEA DE HUMANIDADE
A Coordenadora de Ensino Area Negra, integrada na Plataforma Cidadá
Nunca Mais e coa colaboración da Plataforma contra a Burla Negra, está
a organizar unha Cadea Humana que terá lugar o 22 de xaneiro na Costa
da Morte.
Desde o 13 de novembro empezaron a oir-se voces na comunidade
educativa, voces de tristeza, de protesta, de ira, de indignación.
Desde aquel terríbel 13 de novembro vemos morrer as nosas costas, o
noso mar, os nosos portos mariñeiros, o noso país.
Os rapaces e rapazas necesitan coñecer a situación; analizar o
que está a sucedecer a nível ecolóxico, económico e social; saber
e aprender. E no médio da marea de tristeza queren participar coa sua
forza. A forza da mocidade, a do futuro. E tamén queren berrar NUNCA
MAIS, para ser tratad@s con dignidade, xustiza e respecto.
Será unha cadea de futuro, de conciéncia, de responsabilidade,
unha cadea de rapaces e rapazas vestid@s de cores alegres que queren
unir as suas mans para berrar VIDA.
Esta non será unha manifestación de loito e pena, será unha
manifestación de vida e esperanza. Unha manifestación de dignidade e
rebeldia frente a sumisión e o siléncio.
DE LAXE A MUXIA
Somos conscientes de que, desafortunadamente, hai moitas zonas do
noso litoral que poden reflexar a dimensión desta traxédia.
Barallaron-se várias posibilidades e chegou-se ao convencimento de
que a unidade lle daria mais forza a este proxecto.
En canto ao lugar onde facé-lo debia reunir certos requisitos:
Na Costa da Morte atopou-se un percorrido axeitado:
-
40 quilómetros de pistas forestais paralelas á costa.
-
visión constante do mar e dos efectos do fuel.
-
cadea afastada do tráfico rodado.
-
acceso para veículos de protección civil, sanitários, etc.
-
integración no médio natural
-
visibilidade aérea en todo o traxecto
-
circuíto paralelo para autobuses.
-
distáncias curtas desde os buses á Cadea.
-
zonas amplas para o estacionamento dos autocares.
Non é a Costa da Morte a única zona con estes requisitos. Pero a
eles podemos engadir outros non menos importantes:
-
estamos no lugar do accidente.
-
pasamos por duas das vilas máis afectadas, Camelle e Muxía.
-
e sobre todo, un motivo mais profundo:
Na Costa da Morte a xente está demasiado afeita á desgrácia.
Ante ela algunhas das mais tristes reaccións semellan ser a resignación
e a emigración. A xuventude da Costa da Morte necesita reaccionar.
Aprender a reclamar e a exixir os seus direitos. A sua auto-estima
debe fortalecer-se. A Cadea Humana pode achegar á xuventude da Costa
da Morte a forza reivindicativa de toda a mocidade galega.
O PERCORRIDO
A Cadea Humana cubrirá 40 quilómetros de litoral entre Laxe e
Muxia, nun percorrido fechado ao tráfico. De xeito paralelo haberá
un circuíto para buses con paradas en distintos pontos próximos á
localización da Cadea. Desde ali accederemos facilmente ao tramo que
nos corresponda, mentres que os buses se dirixirán aos seus lugares
de estacionamento. Todo o percorrido estará sinalado e numerado con
sinais. Cada centro participante terá coa suficiente antelación á
actividade un informe onde ficará explicada a sua posición exacta na
cadea e as orientacións de cara ao acceso á zona asi como o programa
da xornada.
A Cadea nace na vila de Laxe e vai cara ao santuário de Santa
Rosa. De ali baixa á praia de Soesto e segue camiño de cara á lagoa
e á praia de Traba de Laxe. Neste areal a Cadea formará a palabra
VIDA (en contraposición con aquela de MORTE escrita sobre o chapapote
e coñecida polos médios de comunicación). As mans seguirán unidas
cara a unha das vilas mais danadas de todo o noso litoral: Camelle.
Ali a Cadea contemplará o museu de Man, asolagado pola escuridade do
fuel. As nosas mans uniran-nos á pequena vila de Arou e desde ali até
a aldea de Santa Mariña. A Cadea continuará cara ao Cabo Vilano, e
neste treito atravesará paraxes tan chamativas como a duna do Monte
Branco, a praia dos Trece, o Cemitério dos Ingleses e a praia de
Reira. Asi aproxima-se ao mítico Cabo Vilano, desde onde se divisa
Muxia. Antes de chegar ao faro, virará á esquerda para buscar a boca
da ria de Camariñas e Muxia. Desde ali as mans da Cadea uniran-se ás
da xente do mar, que cubrirán cos seus barcos o tramo que une as duas
beiras da ria. Os rapaces e rapazas agardarán as mans dos mariñeiros,
das mariscadoras, das redeiras no porto de Muxia, e de ali a Cadea
prolongara-se até a praia de Lourido.
Vexamos in situ as feridas do noso mar.
Mostremos-lle ao mundo a nosa capacidade de unión.
Aprendamos a exixir.
Aprendamos da História.
Aprendamos, para que isto non aconteza NUNCA MAIS.
Todos e todas somos afectad@s.
Todas e todos somos mar.
|