Coordenadora de Ensino

A CADEA HUMANA

 

índice

porqués e cómos

Golpearon-nos

Zonas da cadea

Centros Adheridos

Percorrido e mapas

¿algunha dúbida?

Informe xurídico

Comunicado

Imaxes

Prensa

Tes algunha dúbida?

Diante das moitas dúbidas que están xurdindo con respecto á organización deste acto, imos intentar aclarar algunha delas:

  1. LOCALIZACIÓN: A cadea ocupará a esquina de Galiza, aproximadamente os 40 quilómetros que separan LAXE e MUXÍA.

  2. HORARIOS: Preténdese que a cadea estea formada sobre a UNHA da tarde. De todos os xeitos, debido á enorme complexidade que supón mover a miles de persoas e máis de 600 autobuses nunha zona que non se caracteriza polas súas boas vías de comunicación, a organización establecerá uns horarios de chegada individualizados que serán comunicados ós respectivos centros coa antelación suficiente. Nestes horarios indicarase tamén o lugar ao que deben dirixirse e acompañarase dun mapa no que se indique a mellor maneira de chegar, o lugar onde debe apearse o alumnado e o aparcadoiro para o autobús.

  3. ¿ONDE NOS POÑEMOS?. Toda a costa que se vai abarcar coa cadea vai estar sinalizada. Cada grupo levará indicacións claras que o orienten cara ao espacio que debe ocupar. De todas formas, haberá grupos de alumnado e profesorado da zona que acompañarán aos grupos que cheguen de fóra para dirixilos á súa ubicación.

  4. ¿CANTO DURA A CADEA?: O acto en si, construír a cadea humana, durará 30 minutos.

  5. ¿QUE FACEMOS ANTES E DESPOIS?. Estanse estudiando algunhas actividades para realizar. Vai haber grupos de animación de artistas e músicos ubicados en diferntes puntos da cadea, asi como unha caravana móbil de artistas que cubrirán un tramo do percorrido.
    Ademais desta animación, os centros poderán levar as súas propias actividades de animación: música, performances, etc.
    A xente do mar participará facendo soar as sereas dos barcos e formando unha cadea de embarcacións no mar.

    Ao remate, lerase un comunicado elaborado por unha alumna ou alumno dun centro educativo.

    Sen embargo non debemos esquecer que o reto é formar a Cadea Humana, polo que esas actividades non deben desviar a atención do feito central.

    Cando haxa máis detalles sobre este punto comunicarásevos.

  6. SE CHEGAMOS MOI CEDO, ¿QUÉ FACEMOS MENTRES AGARDAMOS?. Cada centro deberá programar o xeito de ocupar o tempo sobrante da maneira que estime máis oportuna. Recomendamos que non se programen actividades do tipo "visitas pola zona", dado que o tráfico de autocares vai estar restrinxido unicamente ao estrictamente necesario para achegar aos participantes ata a súa ubicación na cadea e que todos os participantes van ter o mar á vista polo que non é necesario organizar ningún acto complementario nese senso, xa que calquera que sexa a súa situación van poder facerse unha idea clara da magnitude da traxedia. Tamén sería moi importante que as actividades programadas polos centros non interferisen coa organización da cadea. É fundamental concienciar aos rapaces-as de que se trata dun acto solidario e reivindicativo e que, polo tanto, é posible que teñan que pasar momentos de incomodidade e tal vez de aburrimento, pero que a causa ben o merece.

  7. E SE CHOVE ¿QUÉ?. ¡Mollámonos!. Neste sentido é importante que os participantes leven protección contra a choiva (paraguas, roupa de augas, calzado exeitado...) e roupa de reposto para cambiarse no caso dunha molladura.

  8. ¿QUÉ COMEMOS E CÁNDO?. Os bocatas que cada persoa debe levar para si e no momento que cada grupo considere oportuno, sempre que non coincida coa hora da cadea. Un bo momento podería ser ao rematar a cadea e mentres se agarda á saída do autobús, que nalgún caso pode tardar bastante, xa que se pretende facer unha saída escalonada para evitar atascos.

  9. ¿HAI QUE LEVAR ALGUNHA INDUMENTARIA ESPECIAL?. Non, cadaquén pode ir vestido como lle pete, sen embargo, recomendaríamos roupas de cores vivas para rachar un pouco coa negrura que nos invade. Fronte á morte que nos lanzaron contra a nosa costa nós queremos representar a vida, a forza da xuventude .

Os equipos de traballo da Coordenadora Area Negra seguen a traballar na loxísitica do proxecto e ira-se informando aos centros pormenorizadamente de todas as novidades.

É fundamental que todas e todos coñezamos polo miúdo os pormenores da actividade para que todo resulte ben, polo tanto, calquera dúbida que teñades facédenola chegar, ben @s coordenador@s-as de zona ou ben a través da nosa páxina web www.areanegra.net.

Lembrade que os obxectivos e o espírito deste acto están ao voso dispor na páxina de Area Negra. É importante o traballo prévio e posterior sobre a concienciación ecolóxica e de compromiso educativo e social que cada centro realice nas súas aulas.

 

subir


Volver ao índice de "cadea humana"

  Volver á páxina principal
 


 

Páxina feita pola coordenadora de ensino areanegra correo@areanegra.org, aloxada en Dinahosting
Para cuestións técnicas: webmistress@areanegra.org

- - - coa colaboración do HackLab da Casa Encantada - - -